venres, 31 de outubro de 2014

Another Mother

Kayo Shekoni nunca foi moi coñecida fóra das fronteiras de Suecia, onde se labrou unha reputada carreira como cantante de pop, hip hop, reggae e house. Non obstante, unha das compoisicións de Kayo está detrás do maior éxito duns compatriotas seus, Ace of Base, malia que iso non lle serviu para despegar no resto de Europa. O primeiro single de Kayo Shekoni chegou ás tendas suecas no ano 1980 e dende entón a súa presenza volveuse bastante irregular ata que por fin, en 1990 Kayo lanzou o seu primeiro álbum, Kayo (1990), que contén "Another Mother". O son deste tema acabaría por inspirar a Ace of Base, que daquela aínda estaban comezando, para compór todo un rompepistas dos anos noventa.


Falamos naturalmente de "All That She Wants", que por pouco eclipsa toda a carreira posterior de Ace of Base. A canción incluíuse por primeira vez en Happy Nation (1992), o álbum co que debutaron, e en vista do trallazo en que se estaba convertendo, non podía faltar en The Sign (1993), que supuña o lanzamento internacional de Ace of Base e onde non faltaban outras cancións de Happy Nation. De feito, en moitos países, editouse co nome Happy Nation, sen distinguilo da versión sueca.


Con "All That She Wants" fixéronse moitas versións e tamén algún esperpento no que a canción de Ace of Base é o ingrediente principal, pero aínda así resulta curiosa a versión que The Kooks fixeron para o dobre álbum da BBC Radio 1 co motivo do seu 40 aniversario Radio1 Established 1967 (2007), onde algúns dos artistas máis relevantes da escena británica actual versionaban cancións doutros artistas, feito bastante común en Radio 1, que ó longo da súa historia nos seus estudios se gravaron versións sorprendentemente boas por parte de grandes artistas. Mágoa que o modelo non se estendese polas radios doutros países.

xoves, 30 de outubro de 2014

School Days

Mestre dos máis grandes, Chuck Berry empezou a cimentar a súa lenda a mediados dos cincuenta, cando editou os primeiros singles co novo son eléctrico do rock and roll. En 1957 xa tiña material máis que suficiente para a publicación dun primeiro álbum de longa duración, After School Session, unha colección de cancións que o tempo ía converter en imprescindible, un dos discos fundamentais da historia da música. Nel xa aparecen temas como "Roll Over Beethoven", "Too Much Monkey Business" e "Maybellene", por citar só algúns dos que se acabaron reproducindo nas voces e nos instrumentos dunha lexión de bandas e músicos que recoñecían en Berry un alicerce do rock que lles servía de fonte de inspiración. "School Days", que tamén se coñece co título "School Day (Ring! Ring! Goes the Bell)", abre o disco, e a melodía tamén lle valeu ó propio Chuck Berry para compór anos máis tarde outras dúas cancións, que ata parecen simples versións de "School Days", pero asemade teñen un brillo propio que xenios coma Berry só lles podían dar.


Chuck Berry compuxo unha canción co mesmo son de "School Days" no álbum St. Louis to Liverpool (1964). Foi un dos singles, "No Particular Place to Go".


Pero uns meses antes, nese mesmo ano, Chuck Berry incluíra no recompilatorio You Never Can Tell (1964) "Big Ben Blues", que do mesmo xeito que "No Particular Place to Go" parece unha versión de "School Days" con outra letra.

mércores, 29 de outubro de 2014

Velvet

Despois de que os noruegueses A-ha publicasen Memorial Beach en 1993 parecía que a banda de Morten Harket daba por finiquitada a súa andaina, xa que non volveran  repetir nada semellante a "Take On Me", aquel single que os elevara a sona nun xa afastado 1984 e polo tanto, todo indicaba que a época dourada de A-ha quedaría restrinxida só os anos oitenta. Por se fose pouco, o guitarrista Paul Waaktaar-Savoy puxo en funcionamento o seu propio grupo apenas uns meses máis tarde, o que facía aumentar as sospeitas sobre o final de A-ha. Con esa bagaxe e o legado que supón estar nunha banda con tanto éxito comercial, Paul volveu á escena xunto coa súa dona, Lauren Savoy, e coa fichaxe do batería Frode Unneland, botábase a andar Savoy, máis encamiñado á música indie e por suposto, cunhas expectativas máis modestas que as que conseguiu A-ha. O primeiro álbum que veu a luz foi Mary Is Coming (1996), onde se recolle esta fermosa canción, "Velvet".


Pero case contra todo prognóstico, A-ha volveu á carga para preparar o que sería o sexto disco, Minor Earth Major Sky, que se publicou a finais do verán do ano 2000 e Paul Waaktaar-Savoy quixo aproveitar a etapa paralela que vivía con Savoy para facer unha versión dun dos seus temas favoritos coa súa banda de toda a vida. A elixida foi "Velvet", á que se lle fixeron novos arranxos e desde logo, a repercusión ía ser maior con A-ha. Tanto que foi o terceiro single do álbum e co gallo de que non era unha versión orixinal de A-ha, Paul conseguiu que Savoy tivese unha maior visibilidade en todo o mundo.

martes, 28 de outubro de 2014

Missing You

Outro dos artistas dun só éxito é John Waite, un cantante procedente de Lancaster que a comezos dos oitenta emprendeu unha carreira en solitario despois de probar sorte con algunhas bandas. Waite, que aínda segue editando discos, ó último hai tres anos, só conseguiu romper as listas cun trallazo que, por outra parte, ten un título dende logo nada orixinal, "Missing You", xa que hai centos de cancións, anteriores e posteriores, que se chaman así. No entanto, é posible que a meirande parte da xente ó falarlle de "Missing You" pense primeiro na canción de John Waite, que se converteu nun dos clásicos da década dos 80. Como adoita acontecer con aqueles que só conseguen unha gran canción na súa andaina, esta chegou demasiado cedo. "Missing You" pertence ó segundo disco de John Waite, No Brakes (1984).


Das versións máis temperás que se fixeron de "Missing You", destaca a que fixeron La Trampa no álbum Volver a casa (1990), onde a trasladaron ó castelán con moi boa fortuna, pois foi un dos singles do disco e hoxe considérase unha das grandes cancións da banda de Pablo Perea.


Tamén tivo moito éxito a versión de Tina Turner, talvez a máis coñecida trala orixinal, que aparece no  seu noveno disco en solitario, Wildest Dreams (1996).

luns, 27 de outubro de 2014

Dreadlock Holiday

Graham Gouldman e Eric Stewart foron os alicerces de 10cc, a banda que formaron en 1972 despois do paso de Stewart por varias bandas e de que Gouldman compuxera unha morea de cancións que triunfaron noutras voces. Os comezos de 10cc foron frenéticos, como acostumaba suceder coas bandas desa época, publicando un álbum por ano. Con ese ritmo non é de estrañar que en 1978 xa fosen polo sexto e ese ano editábase Bloody Tourists, que se presentaba con "Dreadlock Holiday", o único single dese disco que chegou ó primeiro posto nas listas británicas, motivo polo cal o álbum lle produciu ós membros de 10cc unha certa sensación agridoce. "Dreadlock Holiday", escrita a medias entre Gouldman e Stewart, conta as vacacións do último en Xamaica xunto co cantante de Moody Blues, Justin Hayward, de aí o estilo reggae da canción.


En 2002, Intenso Project baseou en "Dreadlock Holiday" a súa canción "Luv Da Sunshine", unha das súas maiores "creacións".

venres, 24 de outubro de 2014

Don't Stop 'Til You Get Enough

O potente equipo que Michael Jackson ía formar co produtor Quincy Jones comezou a xestarse cando Michael traballaba no quinto disco en solitario, o primeiro que o principal membro de  Jackson 5 ía lanzar con Epic, a compañía que fichou ós famosos irmáns tras abandonar Motown. E ben que conxeniaron ambos, porque o resultado de Off the Wall (1979) é un anticipo do que ía chegar con Thriller (1982), un dos discos máis aclamados da historia. En Off the Wall xa queda constancia da consagración de Michael Jackson como artista total en solitario, capaz de brillar só, armado cun feixe de excelentes cancións nas que tamén participa como compositor. De feito, no álbum hai dúas que só as asina Michael. Unha delas é a que abre o disco, "Don't Stop 'Til You Get Enough", considerada unha das mellores da discografía do rei do pop, que ó igual que outras cancións de Michael Jackson desa época, ten un referente claro na música de Marvin Gaye, pero iso verémolo con calma outro día.


Das versións máis rechamantes que se fixeron de "Don't Stop 'Til You Get Enough", destaca a de Juan Luis Guerra y 4.40 en clave merengue. Con letra en castelán, "Don't  Stop 'Til You Get enough" pasou a chamarse "Dame" no álbum Mudanza y Acarreo (1985).


Tamer Hosny baseou o seu tema "Howa Fain" na canción de Jackson. Pertence a Haeesh Hayati (2009).

xoves, 23 de outubro de 2014

Hang On Sloopy

Na andaina de The Vibrations, un grupo de comezos dos sesenta, non se contan demasiados éxitos, pero si teñen no seu currículum un trallazo coma "My Girl Sloopy", que pese ó estilo máis próximo ó soul, cimentou o son garage rock, que en tan pouco tempo ía ser un dos estilos desa década na versión de The McCoys. Malia que cando se publicou, "My Girl Sloopy" tivo un éxito morno, foi o suficientemente grande para que The McCoys a gravaran cun novo título, "Hang On Sloopy", en clave rock, que os levou a ocupar o primeiro posto das listas estadounidenses. Acababa de prender o garage rock e con el un riff de guitarra que ían facer de "Hang On Sloopy" un clásico da década.


"Hang On Sloopy" foi o primeiro single de The McCoys e o único que chegou o primeiro posto das listas. Cos seguintes non terían tanta sorte e acabarían por esmorecer ó final dos sesenta. Pero lograran colocarse nun oco privilexiado na historia do rock coa versión de The Vibrations.


Poucas semanas despois da publicación de "Hang On Sloopy" por parte de The McCoys, comezaron a agromar as versións, xa que poucas bandas de rock se resistían a gravala. Unha das que tivo máis éxito foi a de The Yardbirds no álbum For Your Love (1965), aínda que a banda de Jeff Beck e Eric Clapton mantiveron o nome co que a gravaran The Vibrations, "My Girl Sloopy".


Pero non só as bandas de rock se sentían atraídos por "Hang On Sloopy". The Supremes tamén gravaron unha versión co seu estilo pop no álbum The Supremes A' Go-Go (1966).


Pero a influencia de "Hang on Sloopy" foi máis aló das versións. Nas primeiras bandas de garage, nótase que o riff da guitarra serviu nas novas composicións, coma no single de The Weeds "It's Your Time" (1966).


O mesmo se pode dicir de Kit and the Outlaws e o single "Don't Tread on Me" (1966), un dos seus maiores éxitos, que tamén se basea en "Hang On Sloopy".

mércores, 22 de outubro de 2014

The Needle and the Damage Done

Tras un primeiro álbum en 1968 sen maior transcendencia, Neil Young volveu á carga con Everybody Knows This Is Nowhere (1969), acompañado esta vez da súa banda Crazy Horse, que habería estar presente nos créditos dalgúns discos de Young. Ó partir de aí, o nome de Neil Young perpetuaríase como un dos grandes do rock, non digamos cos seguintes traballos como After the Gold Rush (1970) e Harvest (1972), onde asina algunhas das cancións máis importantes do seu repertorio. Nese último, mesmo Young conta coa colaboración de Crosby, Stills e Nash cos que formara un dos supergrupos da época, ademais de ter de invitados a Linda Ronstadt e a James Taylor. "The Needle and the Damage Done", a única canción gravada en concerto, é un alegato contra a heroína que levaba por diante as carreiras dos músicos.

http://youtu.be/fi2XCsPKlY8

Baseada en "The Needle and the Damage Done", The Sisters of Mercy debutaban coa canción "The Damage Done" en 1980.

http://youtu.be/vilhLEgYtGE

martes, 21 de outubro de 2014

You Won't Be Satisfied

"You Won't Be Satisfied (Until You Break My Heart)" é unha das cancións máis famosas composta por Teddy Powell e Larry Stock. É un suave swing que encumbrou en 1946 á orquestra de Les Brown que a gravou contando coa colaboración de Doris Day, que lle puxo a voz á composición de Powell e Stock. Non tardou en converterse nunha das grandes cancións do seu tempo e ese mesmo ano aparecen novas versións coma a conxunta de Ella Fitzgerald e Louis Armstrong, e a de Perry Como with The Satisfiers, que a elevaron á categoría de clásico.


A de Ella Fitzgerald e Louis Armstrong tamén é unha fantástica versión que contribíu ó éxito de "You Won't Be Satisfied (Until You Break My Heart).


Cando xa parecía que a canción que gravara por primeira vez Doris Day quedara no esquecemento, Amy Winehouse rescatouna para que lle servise de base a "Help Yourself", unha das cancións do seu debut Frank (2003).

luns, 20 de outubro de 2014

Siberian Khatru

Quedaban aínda uns dez anos para que Yes publicara a gran canción da súa carreira, "Owner of a Lonely Heart", pero a banda de Jon Anderson xa ía polo quinto disco de estudio con Close to the Edge (1972) e o ano anterior mesmo se permitiran editar un recompilatorio cos primeiros traballos. E non obstante, xa tiñan encamiñado a senda do éxito e só era cuestión de tempo que Yes asinase unha canción inesquecible. Mentres tanto, a andaina da banda de Londres ía enchéndose de discos dunha enorme calidade, con cancións que facían medrar en prestixio ó rock progresivo. Con Close to the Edge repetiron ó mesmo éxito de crítica e público que obtiveran co anterior álbum de estudio. Para esta ocasión, Yes decantouse por un traballo case conceptual, composto só de tres cancións, pero todas de longa duración. As dúas primeiras están divididas en varias partes, que mesmo se poden interpretar de forma independiente. A que pecha o disco é "Siberian Khatru", a máis breve.


Como a meirande parte das bandas de rock progresivo, a influencia de Yes é palpable en bandas posteriores. Os rapaces de Red Hot Chili Peppers sempre admitiron que as guitarras de "Siberian Khatru" inspiraron o son de "Get on Top", unha das cancións de Californication (1999).

venres, 17 de outubro de 2014

Joan of Arc

Hai personaxes históricos que teñen un atractivo especial para o mundo da música, onde os compositores non dubidan en musicalizar a súa historia. Un dos favoritos é Xoana de Arco, (Jeanne d'Arc, en francés), a heroína francesa que acabou na fogueira acusada de herexía no século XV e inspirou algunhas cancións pop-rock ó longo das últimas décadas que cómpre ter presente. Leonard Cohen foi o primeiro en fixarse na tráxica historia da doncela de Orleáns para compór "Joan of Arc", tema pertencente a Songs of Love and Hate (1971). Na canción, Xoana fala co lume e contálle que está cansada da guerra, no que constitúe un punto de vista propio dun poeta coma Cohen.


Pero se houbo un grupo que tivo especial debilidade por Xoana de Arco foi OMD, que lle dedicou dúas cancións no álbum Architecture & Morality (1981). Orchestral Manoeuvres in the Dark incluíu no terceiro disco os temas "Joan of Arc" e "Maid of Orleans" sobre a figura da mística francesa. O tratamento de ámbalos dous é totalmente distinto e non digamos xa en comparación co de Cohen, que só teñen en común que falan do mesmo personaxe. A "Joan of Arc" de OMD ten o son propio da New Wave, mentres que "Maid of Orleans", unha das cancións con máis sona de OMD, caracterízase por unha especie de solemnidade que non ten a outra, moito máis informal.


http://youtu.be/9CGiL0Mp6Ns

A banda de heavy metal rioxana Tierra Santa incluíu unha canción sobre este personaxe no álbum Sangre de reyes (2001) chamda "Juana de Arco".

https://youtu.be/cHfMOiB4ifM

Os últimos que lle dedicaron unha canción á doncela de Orleáns foron os rapaces de Arcade Fire. "Joan of Arc" é unha das cancións que compoñen Reflektor (2013), o cuarto álbum da banda de Win Butler e Régine Chassagne.

 http://youtu.be/gfZCYDX4gEw

No último disco de Madonna Rebel Heart (2015) atopamos a enésima canción sobre a doncela de Orleáns, como non o título é "Joan of Arc".

https://youtu.be/Uv40WdbfVw8

xoves, 16 de outubro de 2014

Bongo Bong

Malia que a andaina de Mano Negra rematou en 1995, o seu carismático líder Manu Chao continuou co mesmo espíritu que converteu á banda francesa nunha referencia das chamadas músicas do mundo, é dicir, todos aqueles estilos e xéneros de calquera lugar do planeta que non gozan da atención mediática do pop e do rock anglosaxón, moito máis comerciais. Por tanto, a fusión sempre formou parte da identidade de Mano Negra, algo que non variou cando Manu Chao debutou en solitario con Clandestino (1998). O vínculo coa etapa anterior está reflectida claramente no álbum coa versión que Manu fai dun dos clásicos de Mano Negra, "King of  Bongo", que en Clandestino xa se chama "Bongo Bong", pois Manu Chao adopta na nova versión ritmos novos, que logo habería de reciclar para novas composicións, como "Je ne t'aime plus", o seguinte corte do álbum tras "Bongo Bong". Así que vos ofrecemos as dúas: primeiro "Bongo Bong" e logo, "Je ne t'aime plus".


A versión orixinal, "King of  Bongo", aparece no álbum de Mano Negra King of Bongo (1991) e á vez está baseado nunha gravación de 1939 de Roy Eldridge titulado "King of the Bongo Bong", que non puidemos atopar.


Pero a versión de Manu Chao é máis rica en matices. Por exemplo, contén elementos da canción de Black Uhuru, "Bull in the Pen", do álbum Anthem (1984).


Pero igual que pasara con "Je ne t'aime plus", o mesmo son volve aparecer en dúas cancións do seguinte álbum de Manu Chao, Próxima estación: esperanza (2001). Unha delas é a homenaxe a Bob Marley "Mr Bobby".


A outra é o tema en portugués do Brasil, "Homens", que interpreta xunto a Valeria dos Santos Costa.


O que igual poida resultar rechamante sexa que Robbie Williams, ó que se supón que ten un estilo moi afastado do de Manu Chao, que está nos antípodas da proposta musical do ex Take That, decidise facer un medley con "Bongo Bong" e "Je ne t'aime plus" no extravagante disco Rudebox (2006). Cousas veredes!

mércores, 15 de outubro de 2014

Best of You

O mundo non acabou para Dave Grohl, o batería de Nirvana, cando Kurt Cobain decidiu pór fin a súa vida e de paso rematar cunha das bandas máis prometedoras do rock. Recuperado do trauma, Grohl puxo en marcha o seu propio proxecto, Foo Fighters, que moi pronto comezou a recoller os froitos do éxito. Herdeiros do rock de guitarras contundentes, manteñen en pé un xénero que para moitos forma parte do pasado e que non ten cabida no novo século, onde a música electrónica parece acaparar todo. Non obstante, o traballo que Foo Fighters leva facendo desde mediados dos noventa, contradi esta opinión e os discos da banda de Grohl normalmente son ben acollidos por un público que non cre que o rock estea morto. O quinto disco, In Your Honour (2005), é dos máis aclamados grazas a cancións tan boas como o primeiro single, "Best of You".

http://youtu.be/MtfE72Ni9_Y

Non hai moito Anastacia tamén publicou o quinto disco da súa carreira, It's a Man's World (2012), un álbum de versións que vai desde os primeiros Led Zeppelin e os Stones de finais dos 60 ata Bon Jovi, Oasis e Kings of Leon. A cantante tamén ofrece unha espectacular versión de "Best of You", que non deixa indiferente a ninguén.

http://youtu.be/Rfxa42RtdDc

martes, 14 de outubro de 2014

European Son

A mediados dos sesenta a cidade de Nova York alumbraba un  proxecto musical baixo a atenta mirada de Andy Warhol que habería cambiar a perspectiva do rock. Acababa de nacer The Velvet Underground, que reunía a uns músicos cun talento descomunal. Lou Reed, John Cale, Maureen Tucker e Doug Yule ían revolucionar as bases do rock experimental e da escena independente xa desde os primeiros singles, ós que á última hora tamén se sumou outra das protexidas de Warhol, Nico. Así pois, tras un par de singles, aparecía o primeiro disco, The Velvet Underground & Nico (1967), con algunhas das cancións clave na traxectoria da banda. "European Son", que pecha o álbum, é a única que está asinada polos catro membros de The Velvet Underground e está dedicada a Delmlore Schwartz, mentor literato de Lou Reed.


Baseada en "European Son", Yo La Tengo compuxeron "Moby Octopad", co ritmo menos acelerado, pero igual que o da canción de The Velvet Underground. Pertence a I Can Hear the Heart Beating as One (1997).


Pero a influencia desta canción de The Velvet Underground vai maís aló. De feito, Simple Minds gravaron unha canción co mesmo título e a pesar de que tanto a letra como a música é distinta á The Velvet Underground, o estilo é moi semellante ó da banda neiorquina. Simple Minds incluírona no álbum The Early Years: 1977-1978 co que os escoceses recuperaron as cancións dos seus comezos.


E outro tanto lle pasou a Japan, que ó igual que Simple Minds crearon unha canción co título de "European Son" nos seus comezos a finais dos 70, período que coincide co da banda de Glasgow. Non obstante, o estilo da canción de Japan está algo máis afastado do de The Velvet Underground e é máis acorde co son da new wave que se levaba na época.

luns, 13 de outubro de 2014

Hitchcock Railway

No ano 1969 Joe Cocker debutaba cunha versión do tema dos Beatles "With a Little Help from My Friends", que o ían converter nunha das grandes revelacións do momento. O primeiro álbum titulouno igual que a canción que lle acababa de reportar tanto éxito, pero en apenas seis meses, Cocker aproveitaba a boa estrela coa edición dun novo álbum que repetía a fórmula do anterior: algunha canción propia ou composta para el e versións doutros músicos. Dese modo, o mes de novembro traía Joe Cocker!  (1969), tamén un bo disco, pero sen ningún trallazo coma "With a Little Help from My Friends", polo que Joe Cocker fixo unha pausa de tres anos para preparar en condicións o seguinte disco. Pero unha das cancións que pasou menos inadvertida nese segundo álbum é "Hitchcock Railway".


"Hitchcock Railway" é un dos poucos temas orixinais do álbum e talvez por iso centrou mellor a atención de Pete Townshend, que tomou a secuencia de piano para "Drowned", unha  das cancións que compoñen a ópera rock Quadrophenia (1973), sexto álbum de The Who.

venres, 10 de outubro de 2014

Leavin'

Tony! Toni! Toné!, o grupo no que Raphael Saadiq medrou como artista, consagrouse co terceiro álbum, Sons of Soul (1993), onde deixaban claro desde o título as influencias e o son que conformaba a súa música. O álbum é un conxunto de cancións soul e funk con ecos claros dos anos 60 e 70 cando as discográficas Stax e Tamla Motown dominaban o mercado do soul. O segundo single, "Leavin'", reproduce ben as referencias máis directas das que bebe a música de Tony! Toni! Toné! centrándose especialmente no estilo que Smoke Robinson lle imprimiu á obra de seu con The Miracles e que logo lle transmitiu a The Temptations. Pero ademais, tamén miran cara a unha das bandas máis importantesdo hip hop dos 80, A Tribe Called Quest, o que fai de "Leavin'" unha das cancións máis variadas no repertorio de Tony! Toni! Toné!.

http://youtu.be/hslicRJIoeg

"Leavin'" ten ecos de "I Second That Emotion", tema que Smoke Robinson gravou con The Miracles no recompilatorio Greatest Hits, Vol. 2 (1968).

http://youtu.be/mv9cWgkpIZ4

Pero o son de "Leavin'" débelle moito ó tema de A Tribe Called Quest "If the Papes Comes", da banda sonora da película Mi vida loca (1990), xa que toman un sample para completar "Leavin'".