luns, 30 de novembro de 2015

Minstrel in the Gallery

O folk e o rock progresivo uníronse maxistralmente na música das principais bandas de rock dos setenta. Unha delas, Jethro Tull, conxugou á perfección o estilo tradicional cos sons modernos que se estaban desenvolvendo no rock. A extensa discografía da banda británica culminouse co espectacular Aqualung (1971), o seu cuarto álbum, toda unha obra mestra que tería continuidade cos sucesivos discos. Catro anos despois, Ian Anderson e os seus compañeiros editaban Minstrel in the Gallery (1975), o oitavo álbum xa na andaina da banda, cuxa canción que lle dá título tamén foi o primeiro single.


O riff de "Minstrel in the Gallery" inspirou a James Young para crear a canción de Styx "Miss America", pertencente ó ´álbum The Grand Illusion (1977).

venres, 27 de novembro de 2015

And the Beat Goes On

Levaban xa oito discos publicados cando The Whispers deron con esa canción que abre as portas da inmotalidade musical. Curiosamente o noveno álbum na que a incluíron era o primeiro co título da banda, The Whispers (1980), como se decidisen comezar de cero. E vaia se o fixeron, porque "And the Beat Goes On" tivo un éxito que ningunha ds cancións que gravaran antes puido lograr. E iso que as outras non son especialmente malas, pero desde logo non estiveron marcadas pola sorte. "And the Beat Goes On" conta con varias versións e outras tantas cancións beneficiáronse do seu son.


Monie Love foi unha das primeiras en sacarlle proveito a "And the Beat Goes On". Foi coa canción "I Can Do This", single do seu primeiro álbum Down to Earth (1990)


Tamén C.J. Lewis colleu as bases de "And the Beats Goes On" para a canción "R to the A" co que presentaba o álbum Rough 'N' Smooth (1995).

xoves, 26 de novembro de 2015

Apache

Jerry Lordan deixounos importantes composicións instrumentais que executaron numerosos artistas, como é o caso de The Shadows, que levaron ó máis alto algunhas das súas pezas como "Wonderful Land" e "Apache", canción que hoxe vos presentamos. Non obstante, o primeiro en gravar esta peza, unha das que evoca a vida dos indios americanos, foi o guitarrista Bert Weedon, referencia musical para os propios Shadows. 


Malia que Bert Weedon conseguiu que "Apache" entrase nas listas de vendas británicas no ano 1960, serían The Shadows os que ese mesmo ano lograsen que a súa versión de "Apache" acadase unha popularidade desbordande ó colocala no primeiro posto da lista de vendas de Reino Unido durante cinco semanas e levala ó top 10 da estadounidense, á vez que propiciaba que moitos outros grupos instrumentais, como en España Los Pekenikes, fixesen a súa propia versión.


No entanto, a banda de funk Incredible Bongo Band faría unha versión revolucionaria de "Apache" no seu primeiro disco Bongo Rock (1973), que habería de sentar as bases para futuras versións, ademais de proporcionar samples para novas creacións.


A enorme influencia da versión de Incredible Bongo Band déixase sentir na canción de Amy Winehouse "In My Bed", pertencente ó seu álbum de debut Frank (2003).


A melodía de "Apache" tamén se pode apreciar na canción de David Bowie "How Does the Grass Grow?", do álbum The Next Day (2013), onde o nome de Jerry Lordan aparece nos créditos.

martes, 24 de novembro de 2015

Amen

Os himnos gospel tradicionais tamén tiveron unha grande acollida na música popular, sobre todo a raíz das gravacións dos cantantes de soul e R&B, que non dubidaban en incluílas nos seus traballos discográficos. Polo tanto, a calquera que lle guste minimamente a música se lle ocorren un par de títulos. Un deles é con toda probabilidade "Amen", que The Impressions e Curtis Mayfield prepararon para a banda sonora da película de Sidney Poitier Lilies of the Field (1963). Malia que non era a primeira vez que se gravaba este himno, xa o fixeran the Wings Over Jordan Choir en 1948, a nova versión puxo en primeira liña a "Amen", grazas ó empuxe do cine, ademais da coidada produción e os arranxos que Jester Hairston fixo para a ocasión.


"Amen" contou con versións de artistas tan importantes coma Otis Redding, pero é a de The Winstons a que acadou maior notoriedade debido a secuencia de batería de G. C. Coleman. Rebautizada co título "Amen Break", editouse en 1969 e desde ese momento, son innumerables a de veces que outros músicos "tomaron prestada" esa secuencia, tanto que hai poucas semanas saíu unha sentenza na que se lle recoñece dereitos de "royalties" a G. C. Coleman polo uso indebido da súa creación. Aínda que se ten que pór no xulgado tódolos casos e acabasen por darlle a razón, faríase de ouro.


Aquí van ó chou algúns exemplos recoñecidos que se aproveitaron en algunnha medida do "Amen Break". Son cancións que saíron no mesmo ano, o que dá idea do tirón da secuencia. A primeira é o "Firestarter" de The Prodigy, do álbum The Fat of the Land (1997).

https://youtu.be/WW6-b5nNb9U

Cando saíu o álbum de The Prodigy a crítica viu un achegamentoa música de Nine Inch Nails, o que non deixa de ser verdade, pois a banda de Liam Howlett ten en común coa de Trent Reznor o mesmo gusto por "Amen Break", como se pode apreciar en "The Perfect Drug", canción da banda sonora da película Lost Highway (1997).

https://youtu.be/c-QnnLudkQA

E como non podía ser doutro modo, Oasis non podían quedar atrás e tomaron algunha parte en "D'You Know What I Mean", single co que os Gallagher presentaban Be Here Now (1997).

https://youtu.be/GjwRIjrC4io

luns, 23 de novembro de 2015

2120 South Michigan Avenue

Hai moitos anos que os Rolling Stones deixaron de gravar temas exclusivamente instrumentais, pero no seus comezos non resultaba raro atopar algunha canción carente de voz e onde simplemente se pode desfrutar da música. Ese é o caso de "2120 South Michigan Avenue", un tema que apareceu por primeira vez no EP Five by Five (1964) e que sería o xermolo do segundo álbum de longa duración dos Stones, 12 X 5 (1964), que viu a luz poucos meses despois do EP. "South Michigan Avenue" é tamén das escasas cancións que levan a sinatura de tódolos membros que compuñan a banda naquel momento, aínda que o fixeron baixo o pseudónimo Nanker Phelge. O título fai referecia á direccción de Chess Records, a discográfica de Chicago especializada en blues, soul e rock and roll.


Sly Stone, antes de montar cos seus parentes Sly and the Stone Family, sacou unha canción chamada "Buttermilk" (1965) que reproduce a música da canción dos Stones. Case se podería dicir que é unha versión con letra de "2120 South Michigan Avenue".

venres, 20 de novembro de 2015

I Want You

A música disco, que arrasaba nos setenta e comezos dos oitenta, tivo unha fonda implantación en Italia, onde probablemente o éxito que Giorgio Moroder tiña como produtor e músico fixo que se establecese unha forma particular de entender este xénero, que finalmente se acabou coñecendo coa etiqueta de italo-disco. O caso é que a comezos dos oitenta, o país que musicalmente exportara ó mundo grandes cantantes melódicos que facían bandeira do romanticismo tamén se sumaba ós estilos máis modernos cunha fornada de novos artistas moldeados á calor das pistas de baile. Un deles foi Gary Low, que debutou co álbum Go On (1983), onde se atopa un dos seus maiores éxitos, "I Want You", un maxi single de oito minutos aproximadamente, onde a primeira metade é toda instrumental.


Na primeira década deste século, moitos artistas de música electrónica atoparon un revulsivo no "I Want You" de Gary Low. Por exemplo, os dj's franceses Miss Kittin & The Hacker empregaron a base da canción de Low no tema "The Beach", pertencente a First Album (2001). En realidade, Miss Kittin & The Hacker o único que se limitan a facer en "The Beach" é reproducir machaconamente o son de "I Want You" e engadir uns cantos versos de colleita propia, o que evita que "The Beach" sexa unha simple versión da canción de Low.


O mesmo procedemento seguiu o produtor JD Davis, na canción "In My Eyes" (2009) do seu proxecto Sinema, pero polo menos, esta nova canción conta con algo máis de elaboración, xa que se preocupou de escribirlle unha letra durante toda a metraxe.


 Outro que tamén aproveitou as bases de "I Want You" é Whashed Out para crear esta vez unha canción moito mái tranquila e relaxante acorde ó estilo deste músico. "Feel It All Around" forma parte do EP Life of Leisure (2009).

xoves, 19 de novembro de 2015

Alone

Non son moitas as bandas de hard rock e power pop comandadas por mulleres que acadaron as cotas máis altas do éxito. No entanto, Heart foi unha banda pioneira nese sentido e o seu son inspirou a unha manchea de mozas que logo haberían de ter un protagonismo destacado en movementos como o punk e o grunge. Malia non formar parte das orixes da banda,  as irmáns Wilson, Ann e Nancy, son as caras visibles de Heart desde que o grupo de estabilizou e empezou a editar discos, establecendo así un paralelismo con outras bandas como Fleetwood Mac. Bad Animals (1987) é o noveno álbum desta consagrada formación e nela está a canción "Alone", que Heart popularizou, pois en realidade está sacada dunha comedia da CBS, que se transmitira anos antes.


Celine Dion recuperou a canción de Heart no seu álbum Taking Chances (2007) no que constitúe a versión máis importante que se ten feito ata de "Alone" ata o de agora. 


Parece que nos últimos anos a canción de Heart recolectou moitos asiduos entre os artistas novos, que aproveitan para incorporar algún anaco ás súas propias cancións. Un exemplo é o de Jason Derülo e a canción "What if", pertencente ó album epónimo que lle serviu de debut en 2010. O piano está tomado directamente de "Alone".


Outro exemplo é o de Alyssa Reid, que fai unha particular versión de "Alone", onde introduce algúns cambios na letra amais de engadirlle unha parte de hip hop, polo que non se pode falar estrictamente dunha canción nova con elementos doutra antiga. A versión reformada leva o título de "Alone Again" e pertence ó album de debut desta canadense, The Game (2011).

mércores, 18 de novembro de 2015

Reckoner

Hai moito tempo que os rapaces de Radiohead van por libre. A música que fai Thom Yorke, tanto en solitario como coa banda, está por enriba de calquera etiqueta coa que se poida clasificar. Sempre cun son vangardista que marca tendencia, levando os sons electrónicos un paso por diante, a reputación de Radiohead como banda de culto non fai máis que medrar, malia que moitos dos seus fans primixenios quedaron polo camiño e o gran público só os coñeza por "Creep", ese remedo dunha canción de Albert Hammond que Yorke acabou por odiar. En outubro de 2007 aparecía o sétimo álbum de estudio da banda, In Rainbows, no que a canción "Reckoner" brilla especialmente.


Chase and Status, banda de música electrónica procedente de Londres, conta no seu segundo álbum, No More Idols (2011), coa canción "End Credits", single que editaron en 2009 e que ten algunhas reminiscencias de "Reckoner". En "End Credits", Chase and Status lograron a participación do rapeiro Plan B, que tamén é un dos autores do tema.

martes, 17 de novembro de 2015

Things We Said Today

O terceiro álbum sempre marca definitivamente a traxectoria de calquera banda; conságrase ou comeza unha etapa de decadencia que se pode reconducir cun novo álbum, pero sempre é un momento transcendente. No caso de The Beatles non é diferente e en A Hard Day's Night (1964) os de Liverpool xa deixaban ás claras que estaban chamados a facer cousas grandes. Por primeira vez non se inclúe ningunha versión, e as trece cancións que compoñen o disco levan a sinatura de John, Paul e George. Posiblemente, a decisión de que todas as cancións sexan orixinais dos Beatles teña que ver co feito de que A Hard Day's Night estea concebido como a banda sonora da película do mesmo nome que o grupo protagonizou e onde se recollían as vicisitudes dos Beatles en torno ó fenómeno fan que xa provocaban. "Things We Said Today" é unha das cancións do álbum, malia non ser das máis recordadas.


Jackie DeShannon colocou nas listas de Estados Unidos unha versión de "Things We Said Today" en 1978, que acadou tanta popularidade como a orixinal.


Moitos críticos sinalan que a canción que Graham Gouldman compuxo para The Hollies, "Bus Stop", e que foi un dos maiores éxitos da banda en 1966, ten un parecido máis que razoable coa canción dos Beatles.

luns, 16 de novembro de 2015

Sorprendente

O hard rock en España comezouno a escribir unha serie de bandas a finais dos setenta, que baixo a denominación xeral de rock urbano, introduciron unha corrente que ata aquel momento, parecía resisitirse a entrar con forza nunha sociedade afeita a outros gustos musicais. No entanto, atopou un público fiel que o colocou como unha das tendencias principais no medio doutros xéneros máis asentados no panorama musical. Así, lonxe de ser un movemento underground, hoxe moitas desas bandas e artistas que o levantaron a cabo gozan dun prestixio gañado a base de ofrecer un traballo honesto sen renunciar as súas crenzas. Nomes como Obús, Barón Rojo, Coz, Asfalto, Ñu, Barricada, Los Suaves e Leño son algúns que ilustran esta historia. Precisamente velaquí tendes unha canción de  Leño, con Rosendo Mercado ó frente; "Sorprendente" pertence ó derradeiro álbum de estudio da banda, Corre, corre (1982)


Outra gran banda é Los Suaves, que no terceiro álbum, Ese día piensa en mí (1988) incluíu unha das súas cancións míticas, "Dolores se llamaba Lola", que no comezo parece compartir algún riff coa canción de Leño.


venres, 13 de novembro de 2015

Long Train Runnin'

A pesar de que levan desde os seus comezos publicando álbums de xeito bastante regular, o certo é que os Doobie Brothers son coñecidos sobre todo por "Long Train Running'", single do terceiro álbum da banda, The Captain and Me (1973). De feito, The Doobie Brothers, caracterizados sempre por facer rock, introduciron en "Long Train Runnin'" unha innegable influencia funk que a converte nunha das cancións máis especiais da década, entrelazando así os dous xéneros musicais predominantes daquela época. A canción ten o sobrenome de "Without Love", pola de veces que se repite na parte máis importante do retrouso.

https://youtu.be/tnD0eVdHJfI

Quizais a versión máis curiosa que se ten feito de "Long Train Runnin'" é a de Bananarama no álbum Pop Life (1991). Ó estilo bailable que o trío lle imprimía a tódalas cancións que versionaban, engadiuse para a ocasión o son da guitarra flamenca dos Gipsy Kings.

https://youtu.be/eewNjN92h0M

Un ano despois, La Unión adaptaba á canción dos Dubbie Brothers ó castelán co título "Tren de largo recorrido", que tamén lle daba nome ó álbum en directo da banda madrileña.

https://youtu.be/8Zfb7Vu19cw

xoves, 12 de novembro de 2015

Closer to the Heart

Rush é unha das bandas de rock canadenses máis importantes dos anos setenta. O grupo composto por Geddy Lee, Alex Lifeson, Neil Peart, John Rutsey e Jeff Jones irradiou dende Toronto cancións cargadas de rock progresivo que chegaron a callar no imaxinario da época e que xa forman parte da historia do rock. Desde o seu debut cun álbum epónimo, Rush deu mostras de ser unha das bandas máis prolíficas do panorama musical ó sacar unha media de dous discos por ano sen que o seu nivel se resentise. A Farewell to Kings (1977) é o quinto álbum de Rush e velaquí unhas das súas cancións, "Closer to the  Heart", cuxa influencia indirecta parece que repercutiu nalgunhas cancións de décadas posteriores.

https://youtu.be/quBCjo2rUZg

A gran canción de The La's, "There She Goes", de 1988 e que logo aparecería no único álbum da banda que se editou dous anos despois, ten un lixeiro aire no comezo á "Closer to the Heart", malia que logo as dúas cancións se diferencien en tódolos aspectos.

https://youtu.be/eu2iv-vMKT8

E tamén se pode dicir, aínda que con moitas reservas, que hai algún eco da canción de Rush no maior éxito doutro canadense, Tal Bachman, ó igual que sucede coa de The La's; "She's So High" deulle sona o seu álbum epónimo de debut, que se publicou en 1999.

https://youtu.be/_ElORM9O-0U

Pero se hai unha canción que se pode considerar unha sombra de "Closer to the Heart" é a de Landon Pigg "Falling in Love at a Coffe Shop", single de 2007.

mércores, 11 de novembro de 2015

Rock and Roll Part 2

Resulta difícil crer que o denostado (e con razón) Gary Glitter, noticia ultimamente polos escándalos sexuais con menores, fose no seu día un reputado músico e presentador de televisión que gozaba do respeto da sociedade. Ó abeiro do glam rock que Marc Bolan e David Bowie postularan pouco antes, Glitter construíu a súa carreira que se estreou coa publicación do seu primeiro álbum, Glitter (1972), onde entre algunhas versións de pioneiros coma Chuck Berry e Ritchie Valens, presentaba varios temas propios. O máis coñecido e que máis fama lle reportou é "Rock and Roll", tema dividido en dúas partes; a primeira é o primeiro corte do álbum e a segunda, o último. A segunda parte é unha peza practicamene instrumental que se reproduce cada pouco tempo en calquera tipo de evento.

https://youtu.be/Nras3c8r45k

Unha das cancións máis populares de The Black Keys é "Gold on the Ceiling", single do exitoso álbum El Camino (2012). Entre as influencias que se recollen  nesta canción, algúns críticos aprecian algún eco da segunda parte de "Rock and Roll".

https://youtu.be/OAdTbE9LAtY

martes, 10 de novembro de 2015

Hello

Liñas melódicas semellantes, riffs sospeitosamente parecidos, elementos reciclados e tratamento similar da  mesma temática son parte intrínseca da historia da música e os exemplos que sementaron polémica son abundantes. A máis recente é a que afecta ó novo single de Adele, "Hello", anticipo do novo álbum 25, que sairá á venda o vindeiro día 20 deste mes de novembro. Como é habitual, a crítica analizou polo miúdo a nova canción dunha das artistas máis importantes dos últimos anos e decontado xurdiron as comparacións con outras cancións, na procura dunha influencia clara que inspirase a Adele. E unha vez acadado o obxectivo, aínda que sexa moi circunstancial e traído polos pelos, comeza un ruxe- ruxe que, en teoría, prexudica a nova canción, malia que en realidade é unha poderosa arma promocional que só fai espertar máis interese. Non sería raro que mesmo a propia discográfica sexa quen fomente este tipo de campañas.


A primeira canción  en que pensou a crítica foi nunha do mesmo título, o "Hello" de Lionel Richie, pertencente a Can't Slow Down (1983). Desde logo, ambas coinciden en que son baladas e a voz do narrador saudando a un receptor ó outro do teléfono, pero ata aí as semellanzas. Os dous "Hello" son cancións totalmente distintas.


E nestas, dándolle voltas ó "Hello" de Lionel Richie, a alguén lle véu á memoria á canción de Tom Waits "Martha", do álbum Closing Time (1973) co que debutou. En efecto, esta canción garda máis semellanza co "Hello" de Adele, que esta última coa de Lionel Richie. A temática é a mesma, un personaxe que chama por teléfono a un antigo amor despois de moitos anos, envolta nunha balada moito máis acorde entre si que a de Richie. Se logo engadimos que nas últimas entrevistas Adele ten declarado que a música de Waits foi unha influencia para o seu novo traballo, temos a combinación perfecta. Pero se escoitades ben ambas cancións, decatarédesvos que non coinciden nin na letra nin na melodía para afirmar categoricamente que teñen moito máis en común.

luns, 9 de novembro de 2015

I'm Tore Down

Freddie King é un dos últimos bluesmen que influíu notablemente nunha xeración de músicos que aunaba os sons dos blues coas novas correntes do rock. Comezou a editar singles a mediados dos anos cincuenta pero non sería ata a década seguinte cando por fin apareceu o seu primeiro álbum Freddy King Sings (1961); unha ducia de cancións que contén algunhas pezas memorables que sitúan a King á altura dos grandes mestres. Unha delas é "I'm Tore Down", un tema asinado por Sonny Thompson, veterano músico que daquela se dedicaba sobre todo a compoñer para outros artistas, e con Freddie King escribiu unha morea de cancións que acabaron por formar parte da discografía de King.


Eric Clapton recuperou a vella composición de Sonny Thompson para o seu álbum de versións de blues From the Cradle (1994), onde Man Lenta interpreta dezaseis clásicos do blues.

venres, 6 de novembro de 2015

State of Independence

Nos últimos anos dos anos setenta produciuse un interesante encontro entre o músico grego Vangelis e Jon Anderson, líder de Yes, que se materializou na colaboración dos dous músicos nunha serie de discos ó longo de varios anos. Da estensa produción de ambos, queda na lembranza de todos a gran canción "State of Independence", que coroaba o segundo álbum, The Friends of Mr. Cairo (1981). O son electrónico, combinado con toques de reggae, fixo que a canción acadase bastante popularidade entre diversos sectores musicais como ben confirma a versión de Donna Summer, malia non entrar nas listas de éxitos a orixinal.


O disco epónimo de Donna Summer, editado en 1982, conta cunha das máis famosas versións de "State of Independence". Desde esta versión da raíña das pistas, a canción recibiu unha grande acollida, a pesar de que non serviu para que a orixinal se dese a coñecer mellor.


Coma un tributo a Donna Summer, The Art of Noise inclúen no EP co que debutaron,  Into Battle with the Art of Noise (1983), unha peza titulada "Donna", que reproduce as bases da versión de Summer.


Pero a versión máis orixinal de "State of Indepence" correspóndelle a banda Moodswings, no álbum Moodfood (1992), á que rebautizaron co nome de "Spiritual High" e a alongaron ata os doce minutos. Chrissie Hynde, de The Pretenders, ponlle voz na última parte.