A banda de punk Agent Orange toma o seu nome do lugar de orixe dos seus membros, Orange County, en California. Formada en 1979 por Mike Palm, Steve Soto e Scott Miller, Agent Orange debutaba cun EP ese mesmo ano que contiña a canción coa que haberían saltar a fama. Dous anos despois, "Bloodstains" incluíase no primeiro longa duración, Living in Darkness (1981) como canción estrela. Pero, que ten de especial "Bloodstains" para que Agent Orange non volvese acadar un éxito semellante con outras das súas cancións? Talvez a aclaración resida no son arábigo que Agent Orange lle imprimiron á guitarra, algo que non era moi habitual atopar nos acordes sinxelos e desprovistos de grandes artificios que utiliza o punk.
A escala arábiga é un recurso que resulta tan excepcional no punk e nos demais subxéneros que habería que esperar quince anos para atopar outra canción que botase man del. No álbum Smash (1994) co que The Offspring lograron recoñecemento internacional, inclúese "Come Out and Play", que tamén emprega a mesma escala. Por suposto, era cuestión de tempo que saltase a polémica e moi pronto empezaron a aparecer voces que sinalaban un posible plaxio, á vez que outras indicaban que a controversia era absurda. O líder de The Offspring e autor de "Come Out and Play" expresou a súa admiración pola canción de Agent Orange, resaltando a influencia do grupo. No ano 2000 The Offspring fixo unha versión de "Bloodstains" para unha película co fin de facer as paces definitivamente con Agent Orange, mais Mike Palm, que perdera a demanda anos antes, non quedou contento, malia admitir que era unha gran versión.