mércores, 30 de setembro de 2015

La Ritournelle

A enorme contribución que Francia ten feito a música electrónica desde comezos de século complétase coa  irrupción de Sébastian Tellier, un músico que desde o ámbito indie labrou unha importante reputación entre a crítica. O primeiro álbum, L' incroyable verité (2001) non despertou moito fervor, pero xa co segundo, Politics (2004), a atención comezou a recaer en Tellier, especialmente por cancións coma "La Ritournelle", que lle abriron as portas do panorama internacional. O electropop que encerra cada nota desta canción pon de relevo que aínda se poden facer cousas interesantes nun xénero que por veces nas últimas décadas, dá a impresión de estar esgotado.


Unha das últimas sensacións do momento, The Weeknd, incluíu algúns elementos de "La Ritournelle", na canción que lle dá título ó álbum Kiss Land (2013), co que o canadense debutaba.

martes, 29 de setembro de 2015

Make It Easy on Yourself

Jerry Butler é outro dos moitos músicos que poden presumir de contar no seu repertorio con cancións asinadas polo dúo de compositores Burt Bacharach e Hal David. Malia que no seu caso, "Make It Easy on Yourself", que acabou formando parte do álbum Need to Belong & Other Great Perfomances (1962), foi un éxito menor na súa carreira, pero serviulle a Butler para ser o primeiro en gravar unha canción que logo habería de triunfar noutras versións. Quen lla ofreceu foi o xefe da súa discográfica, que quedou encantado con ela tras escoitar unha maqueta de Dionne Warwick, para quen Bacharach e David adoitaban escribirlle tódalas cancións.


Finalmente, a versión de Dionne Warwick apareceu un ano despois no álbum de debut da cantante de Nova Jersey, Presenting Dionne Warwick (1963), pero non foi das cancións máis destacadas. Anos máis tarde, cando editou o álbum Very Dionne (1970) incluíuna de novo, e desta vez, si tivo máis repercusión.


Se as primeiras versións de "Make It Esay on Yourself" a cargo de Dionne Warwick e de Jerry Butler non tiveron moito éxito, a de The Walker Brothers, pertencente ó seu debut Take It Easy with the Walker Brothers (1965), acadou o primeiro posto na lista británica. Sen dúbida a influencia de Phil Spector, produtor do álbum, conseguiu transformar a canción nunha fantástica mostra de pop e soul.


Baseada na versión de The Walker Brothers, Ash gravou a canción "Candy", un dos temas de Free All Angels (2001).

luns, 28 de setembro de 2015

Chariots of Fire

Na historia da música hai unha morea de casos de posibles plaxios que acabaron nos tribunais. As máis sonadas, como non, son as que se efectúan sobre cancións que acadan un enorme éxito e algúns aproveitan a oportunidade para promocionar a súa obra, aínda que logo no xuízo se desestime o seu recurso, malia que moitos músicos actúan de boa fe. Un exemplo paradigmático foi a acusación no que se viu envolto o tema de Vangelis "Chariots of Fire", canción principal da película británica do mesmo nome e que acadou varios recoñecementos en 1981. Así mesmo, a melodía prendeu en seguida na cultura popular converténdose na peza instrumental máis coñecida de Vangelis, que á vez viu como moita xente descubría a súa música. Pero ninguén esperaba que tivese que defender "Chariots of Fire" nos xulgados.


E é que outro compositor grego, Stavros Logaridis, entendeu que "Chariots of Fire" parecíase moito a súa peza, "Merexederia Moliteia" (A cidade das violetas) e querelouse contra Vangelis. Pero no xuízo quedou demostrada a imposibilidade de que Vangelis coñecese esta obra de Logaridis, xa que non tivera a ocasión de escoitala. E para despexar dúbidas, a defensa de Vangelis alegou que a secuencia musical de "Chariots of Fire" xa estaba presente noutras composicións súas anteriores á elaboración da de Logadiris.

venres, 25 de setembro de 2015

Jive Talkin'

Hai uns días, cando presentamos a canción de Fleetwood Mac "Second Hand News" comentabamos que Lindsey Buckingham a ideara tras escoitar un tema de Bee Gees que indirectamente lle serviu de inspiración. Ese tema é "Jive Talkin'", single de promoción do álbum Main Course (1973). Desde había algúns anos, a música funk estaba cada vez máis presente nos álbums do grupo dos irmáns Gibb en detrimento do rock que marcou os seus comezos e o éxito de "Jive Talkin'" marcou un punto de non retorno que se habería de consagrar con Saturday Night Fever (1977). Como moitos temas funk, "Jive Talkin'" tamén recibe influencias doutros que uns anos antes lograran triunfar.


No caso de "Jive Talkin'" adóitase citar dúas cancións que seica foron imprescindibles na súa elaboración. Un deles é o de Little Sister composto por Sly Johnson "You're the One", single de 1970.


O outro é a gran canción de Shirley & Company "Shame, Shame, Shame" do álbum do mesmo título editado en 1974, do que toma algún elemento.

xoves, 24 de setembro de 2015

Tobacco Road

Boa parte das cancións que John D. Loudermilk compuxo tivo éxito nas voces doutros artistas malia a telas gravado el previamente, ó igual que lle ten pasado a outros moitos cantautores ó longo da historia da música. Con todo, sen que ningún dos singles e discos que publicou chegase a triunfar, hoxe reivindícanse as súas gravacións, sobre todo por mor da importancia que esas cancións tiveron noutras voces posteriormente. Como emblema desta vindicación  sinálase a canción "Tobacco Road", de 1960, que non chegou a aparecer como single nin se incluíu no seguinte álbum de Loudermilk, Language of Love (1961), pero que conta cunha magnífica interpretación en clave blues rock que fai que na actualidade estea considerada como unha das mellores representacións de blues dos sesenta.


The Nashville Teens acadaron o seu maior éxito cunha versión de "Tobacco Road", no álbum do mesmo nome de 1964. A diferenza da orixinal, moi apegada ó blues clásico, The Nashville Teens imprimíronlle un ritmo de garage rock, que deu a coñecer a canción en todo o mundo.


Das moitísimas versións que se teñen feito de "Tobacco Road" desde os sesenta, quizais a que máis transcendencia tivo trala a de The Nashville Teens sexa a de Eric Burdon & War no álbum Eric Burdon Declares "War" (1970), canción que xa interpretaran tres anos antes nun programa da televisión alemá. A versión do álbum ronda o cuarto de hora, pero ofrecémosvos unha versión máis curta de algo máis de seis minutos.

mércores, 23 de setembro de 2015

Hymn

O son da  New Wave igual non sería o mesmo se o proxecto capitaneado por Midge Ure, Ultravox, non saíse á luz. A andaina do grupo púxose en funcionamento a mediados dos anos setenta e tras asinar un trallazo como "Vienna" en 1980, a banda editou un novo traballo co que seguir afondando nun xénero que practicamente contribuíra a inventar. Sería difícil que en Quartet (1982) se atopara outra canción do mesmo nivel ca "Vienna", pero non por iso hai que desmerecer un traballo composto por unhas magníficas cancións que manteñen a calidade dos anteriores álbums de Ultravox. Unha das cancións de Quartet que aínda segue namorando é "Hymn", tema que cada pouco conta cunha versión pensada para as pistas de baile, pero que apenas son un espectro da orixinal. Posiblemente sexa tras "Vienna" a mellor canción de Ultravox.


Co voso permiso, imos prescindir de boa parte desas versións discotequeiras de "Hymn" para quedar coa máis curiosa que atopamos, en clave folk rock. Mägo de Oz fixo unha adaptación ó castelán no álbum Gaia II: la voz dormida (2005) co título "Mañana empieza hoy".

martes, 22 de setembro de 2015

A Whiter Shade of Pale

As primeiras faíscas de rock sinfónico e de rock progresivo prenderon na música co debut de Procol Harum, unha banda inglesa cuxo primeiro álbum, na versión americana, contén a fenomenal "A Whiter Shade of Pale", unha canción que non tardou en ser declarada como unha das mellores da historia. A perfecta combinación dun rock suave xunto con sons sacados da música clásica conferírenlle á melodía unha elegancia que en plena era psicodélica era moi difícil de atopar. Non obstante, a gran creación de Procol Harum, ( ningunha das súas cancións posteriores chegou a producir os mesmos efecto ca esta), débelle moito á música de Bach, que, como xa temos comentado algunha vez, é o compositor clásic favorito da música moderna, pero ata o momento ninguén o soubo trasladar ós novos xéneros tan ben como Procol  Harum.


Na elaboración de "A Whiter Shade of Pale" interveñen tres obras de Johann Sebastian Bach, segundo boa parte da crítica, que en ningún caso dubida da contribución do compositor alemán á canción de Procol Harum. Sinálanse as seguintes pezas:



A primeira é "Air on the G Srting", da que volveremos a falar máis adiante: https://youtu.be/U7RYSQvrUrc
"Sleepers Awake": https://youtu.be/9sd9gOhjv3o

Pero hai quen tamén apunta que en "A Whiter Shade of Pale" tamén se aprecia a influencia da canciónde Percy Sledge "When a Man Loves a Woman", canción que saíu como single en 1966, malia que máis ben habería que falar novamente da sombra de Bach, esta vez planeando sobre esta canción de Sledge.

https://youtu.be/7lp7FtJXp7k

En España versionouse sucesivamente a canción de Procol Harum co título traducido. Unha das maáis coñecidas é a de Los Salvajes "Con su blanca palidez"

https://youtu.be/J-kutAtCWyo

Pero a transcendencia da canción de Procol Harum tivo o seu reflexo na canción de Serge Gainsbourg "Je t'aime... moi non plus" que interpreta xunto con Jane Birkin no álbum conxunto que ambos gravaron en 1969. Á famosa canción subidiña de ton, que non deixaba indiferente a ningúen, tamén se lle criticou o seu máis que parecido con "AWhiter Shade of Pale" e Gainsbourg sempre se defendeu sinalando que Procol Harum copiaran a Bach.


Á parte das numerosas versión de "Je t'aime... moi non plus", Texas tomou algúns d elementos para "Guitar Song", canción que aparece no compilatorio da banda escocesa The Greatest Hits (2001).


Se aínda non vos perdestes, volvemos a "Air on the G Sting" de Bach, que como diciamos, é un filón na música contemporánea. De feito, o maior éxito de Sweetbox, "Everything's Gonna Alright", do álbum epónimo de 1997, basea a melodía na da peza de Bach.

luns, 21 de setembro de 2015

Against the Sky

Brian Eno deu os seus primeiros pasos no mundo da música formando parte de Roxy Music, pero non obstante, as enormes inquedanzas musicais que o movían fixeron que apenas dous anos despois do despegue da banda, Eno a abandonase para traballar en varios proxectos en solitario case ó mesmo tempo que se asociaba con outros músicos para editar discos conxuntos e se encargaba de producir os álbums doutros tantos artistas e bandas. En 1984 o prolífico músico editou o álbum The Pearl (1984) en colaboración con Harold Budd, no que se adentraba unha vez máis na chamada música ambiental, destinada a buscar o rélax do oínte, unha música coa que Eno levaba traballando desde uns poucos anos atrás. Producido polo propio Eno e Daniel Lanois, con quen adoitaba coincidir en moitas producións, The Pearl contén a canción "Against the Sky".


Brian Eno e Daniel Lanois son os produtores habituais de U2 e volveron traballar xuntos no duodécimo álbum da banda irlandesa, No Line on the Horizon (2009). Unha das achegas de Eno a ese álbum é o arranxo que lle fixo á canción "Cedars of Lebanon", onde introduciu elementos de "Against the Sky", que se notan especialmente no comezo da canción.

venres, 18 de setembro de 2015

Nutbush City Limits

En moitas ocasións os cantautores adoitan mostrarse agradecidos co lugar que os viu nacer e no que pasaron a infancia dedicándolle unha canción que exprese os seus sentimentos. Neste grupo de cancións, que poderiamos denominar "sobre as orixes", ten bastante relevancia a que Tina Turner lle escribiu á cidade de Nutbush, en Tenneessee, de onde é natural, co título de "Nutbush City Limits". Esta canción titulou o álbum de 1973, un dos últimos que a cantante gravou con Ike Turner, daquela marido seu e parella profesional co que conseguira un soado éxito con cancións coma "River Deep, Mountain High" e a espectacular versión de "Proud Mary", de Creedence Clearwater Revival. "Nutbush City Limits", que mestura os sons do rock cunha pequena dose de funk, foi a última gran canción do dúo.


Apenas dous anos despois da publicación de "Nightbush City Limits", Bob Seger versionouna no álbum Beautiful Loser (1975), sendo a única canción que non levaba a sinatura do músico de Michigan. O ano seguinte volveuna incluír no álbum en directo Live Bullet.


Que é unha das favoritas de Tina Turner non se pon en dúbida. Ó longo da súa carreira en solitario incluíuna no álbum en directo Tina Live in Europe (1988) e tamén no compilatorio Simply the Best (1991), aínda que desta volta Tina Turner presentou unha nova versión en clave dance.

xoves, 17 de setembro de 2015

By the Time I Get to Phoenix

Outro músico estadounidense que dende os anos cincuenta contribuíu ó espallamento do rock and roll e outros estilos afíns é Johnny Rivers. Este cantante nacido en Nova York hai 72 anos, combinou durante a súa carreira as cancións propias e outras que lle ofreceron varios compositores xunto con versións de temas moi coñecidos. No terceiro álbum, Changes (1966), incluíu unha balada escrita por Jimmy Webb titulada "By the Time I Get to Phoenix", que sacara como single un ano antes, ó tempo que a gravaba o cantante country Glen Campbell, cuxa versión saíu uns meses despois. Malia que ambas versións son moi semellantes entre si e apenas se diferencian, a de Glen Campbell tivo maior repercusión.


Pero a gran versión que se fixo de "By the Time I Get to Phoenix" correspóndelle a Isaac Hayes, no álbum Hot Buttered Soul (1969). O ritmo da cancións adáptase á perfección ó estilo sobrio de Hayes, quen a alonga ata os 18:42 de duración. Neste caso, optamos por ofrecervos unha versión reducida.


Que a versión de Hayes é desas que eclipsa mesmo á orixinal é algo que se aprecia na influencia que exerce nalgúns grupos de R&B. A canción de Tony! Toni! Toné! "Anniversary", do álbum Sons of Soul (1993), sen ser un remedo de "By the Time I Get to Phoenix", inspírase na versión de Hayes ó tentar reproducir algúns dos efectos desta.


Xa remitíndose claramente ó "By the Time I Get to Phoenix" de Hayes, a canción pop de Brídín Brennan "You Can't Hurt Me", do álbum Eyes of Innocence (2005), si colle directamente algúns elementos do tema escrito por Webb.

mércores, 16 de setembro de 2015

Teenage Boogie

A revolución que supuxo a irrupción do rock and roll na música norteamericana dos anos cincuenta arrastrou un xénero tan tradicional coma o country cara sons máis modernizados, o que derivou na aparición do rockabilly e o honky tonk, que tivo o seu maior representante na figura de Hank Williams. Pero houbo outros tantos músicos que medraron ó abeiro destes estilos, facendo que estes se fixesen moi populares. Un deles foi Webb Pierce, un prolífico cantautor que se mantivo en activo durante tres décadas. Unha das cancións que aparecen no seu segundo álbum, The Wondering Boy (1956), é "Teenage Boogie", que como boa parte dos single de Pierce se situou nos primeiros postos das listas de country de Estados Unidos.


O single de promoción do derradeiro álbum de T. Rex, Dandy in the Underworld (1977), "I Love to Boogie", editouse case un ano antes e nese tempo viuse envolto en certa polémica pola semellanza existente coa canción de Webb Pierce, o que motivou que o mánager de Marc Bolan, Tony Howard, contratase un musicólogo para analizar ambas cancións. A conclusión á que chegou foi que "I Love to Boogie" estaba construída sobre un riff xa existente.

martes, 15 de setembro de 2015

You Can't Catch Me

Os pioneiros do rock and roll crearon un amplo repertorio que surtiu de influencias a toda unha xeración  de músicos que fixeron do rock o gran aladid da música contemporánea. As cancións de Chuck Berry foron das preferidas por moitos mozos, que se animaron a probar sorte cunha guitarra versionándoas ó tempo que construían a base das súas propias cancións, que ó principio imitaban o estilo do músico de Missouri. En 1956 cando o rock and roll xa era unha realidade filmouse a película Rock, Rock, Rock na que participaban algunhas das estrelas do momento, como o propio Berry, que contribuíu á banda sonora con catro cancións, entre elas "You Can't Catch Me", que foi unha de tantas que marcou ás novas xeracións.


Cando os Beatles editaron Abbey Road (1969) houbo algo de controversia coa canción "Come Together", escrita por Lennon, xa que segundo a discográfica de Berry, tiña unha melodía moi parecida á da canción "You Can't Catche Me", e polo tanto os catro grandes de Liverpool virónse envoltos nunha acusación de plaxio que se resolveu, entre outras medidas, co compromiso de John Lennon de versionar "You Can't Catch Me", cousa que se produciu no álbum de versións que John Lennon publicou en 1975 co título Rock 'n' Roll.


A versión de John Lennon de "You Can't Touch Me" quedou así e pode observarse que o parecido con "Come Together" é aínda máis acusado que na versión orixinal de Chuck Berry.


Aerosmith fixo a versión máis coñecida do "Come Together". Está recollida no álbum tributo ós Beatles Sgt. Pepper's Lonely Hears Club Band (1978), onde baixo a produción de George Martin, varios artistas homenaxeaban ós de Liverpool.

luns, 14 de setembro de 2015

Let My Love Open the Door

Como é habitual en moitas bandas de éxito, a alma máter de The Who, Pete Townshend, comezou moi cedo unha carreira en solitario paralela á do seu grupo, aínda que con menos repercusión, porque nunca acadou a transcendencia do seu traballo con The Who, para quen parecía reservar as súas mellores creacións. Con todo, Townshend sempre se mostrou incansable e cada pouco editaba un álbum en solitario, que aplacaba as ganas dos fans da banda de novo material, mentres agardaban os seguintes movementos de The Who. O álbum que máis sona conseguiu foi Empty Glass (1980) cuxo primeiro single, "Let My Love Open the Door", está dedicado a gurú espiritual de Townshend, Meher Baba, con quen traballara nos seus primeiros discos en solitario e quen tamén inspirou algunhas das grandes cancións de The Who, coma "Baba O'Riley".


Un ano despois da publicación de Empty Glass, The Who editaba o seu noveno álbum, Face Dances  (1981), onde se inclúe "You Better You Bet", outra composición de Townshend, que para algúns ten por momentos algunha similitude con "Let My Love Open the Door". O caso é que tanto o son dunha como da outra conteñen un lixeiro resto do de "Baba O'Riley", que como xa vimos, é quizais a canción máis influente de The Who.

venres, 11 de setembro de 2015

I'll Be There

Quizais porque vivamos nunha época propicia para o revival, non debería de sorprendernos o regreso de bandas e de artistas que brillaron en tempos pasados. Se non é cunha remasterización dos seus grandes éxitos, volven con material novo seguindo as mesmas pautas coas que lograron triunfar anteriormente, sen variar un ápice nada. Canda Rick Astley e Spandau Ballet, o ano pasado tamén coñeciamos a volta de Chic, co incombustible Nile Rodgers ó frente como antano. E é que tralo recente éxito de Pharrel Williams e en xeral, a influencia que aínda exerce a música de Chic nos estilos actuais, Rodgers decidiu resucitar o seu vello proxecto cun novo álbum, It's About Time (2014), que en realidade non achega nada reseñable que Chic non fixese xa. É máis, resulta bastante insulso, sobre todo ó constatar que tódalas cancións parecen simples sombras das antigas cancións de Rodgers e de Edwards, como ben se pode apreciar no single "I'll Be There". Desde logo, ás veces é mellor que as vellas lendas queden onde estaban.


En "I'll Be There" está resumida toda a discografía de Chic, ou practicamente ese son que fixo do proxecto unha referencia hai trinta e tantos anos, pero que hoxe nótase un chisco desfasado. Pero o que mellor se reflicte en "I'll Be There" é o traballo que Nile Rodgers e Bernard Edwards lle prepararon a Sister Sledge cando eran o seus produtores. O gran éxito deste grupo, "We Are Family", que titulaba ó álbum de 1979, alumea cada acorde da nova canción de Chic.


E tamén se pode rastrexar  algúns elementos de "Got to Love Somebody", canción de Love Somebody Today (1980), outro álbum de Sister Sledge composto e producido por Nile Rodgerds e Bernard Edwards. Por suposto, como xa comentamos, hai unhas cantas cancións de Chic que tamén están presentes na nova, pero que cada quen elixa a súa preferida.

xoves, 10 de setembro de 2015

Hey Dj

É unha realidade que o hip hop non se caracteriza precisamente por prestarlle moita atención ós ritmos melódicos, xa que está máis centrado en transmitir a mensaxe das súas letras que noutras cuestións artísticas. Pero nos anos oitenta os rapeiros aínda procuraban coidar a melodía e non recorrían tanto ós samples e a outros recursos que lles podían proporicionar cancións alleas como é habitual na actualidade. Precisamente por iso, ten tanto mérito a canción de World's Famous Supreme Team "Hey Dj", single que editaron en 1984, á que souberon darlle un son melódico orixinal sen necesidade de recorrer a outras cancións. Con este tema o grupo de Nova York conseguiu que o hip hop conseguise un novo pulo no seu camiño por consagrarse como un dos xéneros en boga dos oitenta.


A primeira proba de que "Hey Dj"  supuña unha canción destacada alén do hip hop témola no tema de Toshiki Kadomatsu "Secret Lover", do álbum Gold Digger (1985), onde samplea a melodía.


Outros que botaron man de "Hey Dj" foron Beastie Boys en "Alright Hear This", tema de Ill Communication (1994), pero que se distingue doutras cancións ó acudir só á base instrumental e non á melodía.


Seguindo o exemplo de Kadomatsu, Mariah Carey baseou a súa canción "Honey", de Butterfly (1997), en "Hey Dj", o que supuña o primeiro achegamento da diva ó hip hop, liña que haberían de seguir os seus seguintes traballos.


Xunto coa canción de World's Famous Supreme Team, Mariah Carey tamén tomou algúns elementos da canción de Treacherous Three "The Body Rock", pertencente ó álbum epónimo desta banda de hip hop, publicado en 1984. Obsérvese a diferenza no tratamento da melodía con "Hey Dj", que tamén saíu ese ano.

mércores, 9 de setembro de 2015

Second Hand News

Como un dos principais álbums de Fleetwood Mac, Rumours (1977) está composto por once marabillosas cancións sen desperdicio que marcaron o pop rock dos setenta. Ademais conta cunha alta participación de todos os membros, que se involucraron en distinta medida na elaboración de cada tema. Hoxe eliximos "Second Hand News", que abre o disco, malia non saír como single. Está composta na súa totalidade por Lindsey Buckingham, quen tamén se encarga de interpretala. Nela mestúranse os aires celtas con certa querencia polo son disco, xa que no momento de compoñela Buckingham fixouse sobre todo na canción de Bee Gees "Jive Talkin'", á que xa lle dedicaremos unha entrada proximamente. 


Kid Rock escolleu "Second Hand News" como base da súa canción "Wasting Time", pertencente a Devil Without a Cause (1998), co que o músico de Detroit abandona os derroteiros do hip hop máis ortodoxo para ir introducíndose paseniñamente no rock, estilo que caracteriza os seus últimos traballos.